



Da civilización pacega é ben coñecida a súa faciana exterior edificada, ou sexa, os pazos, esas moles barrocas que proliferan na xeografía galega e que antano supuxeron a referencia máis nidia dun dominio social con ínfulas de urbanidade nunha paisaxe agreste, ruralizada.
Porén, a vida cotiá destas casas nobres, as formas da sociabilidade e da cultura non son tan coñecidas á causa da desaparición de moitos arquivos, do expolio, da venda “a desbarate” do seu patrimonio, que dixera Pedrayo, ou do directo abandono de tantas construcións que dá arrepíos pensalo. Pois ben, o que hoxe chamamos colección do Museo Pazo de Tor ben pode salvar tales carencias. Trátase dun conxunto de todo xénero de artefactos, vestixios materiais acumulados por unha familia fidalga durante séculos, dende o XV até o XX. Á hora de estudar moitas das pezas temos a vantaxe de contar co delicioso contrapunto dos documentos do arquivo e da biblioteca, con algúns dos inventarios de bens, con xoias bibliográficas que incumben aos gustos e intereses dun comportamento que de sempre se arelou corporativo. Así que a colección ilustra, ou mellor, transparenta a mentalidade, a cultura material, non dunha familia en concreto, senón dun grupo social pois é expresión daquel “consumo conspicuo” definidor dun ethos, dunha idiosincrasia nobiliaria adrede diferenciada.
Neste caso, a exposición abrevia o mundo de Ultramar; a través dunha pequena selección aspira a trazar a pegada dos virreinatos nas grandes casas aristocráticas. Por apurar só algunha referencia probatoria, Rodrigo de Quiroga, neto do señor de Tor, Pedro Garza de Castillón, foi gobernador e capitán xeneral das provincias de Chile. A interesada Información dos seus méritos relatou os transos que sofreu por terras do Perú, onde penou a mercé dos ataques dos indios; xa a comezos do século XVIII, o Francisco Garza Quiroga Sarmiento do brasón da fachada principal casou en segundas nupcias con dona Inés de Valladares e Meira, irmá do duque de Atrisco, conde de Moctezuma e derradeiro virrei de México baixo os Austrias. As relacións entre as terras alén do mar e o microcosmos deste pazo deberon de ser fluídas, Recóllense aínda na memoria oral manexada a propósito de don Francisco Losada e as guerras carlistas, disque custeadas coa prata das Américas, pero, máis ca nada, nas pezas que vos presentamos. Algunhas reflicten refinados caprichos polo exótico, extensión serodia das cámaras ou gabinetes de curiosidades do manierismo bizarro; outras, contextualizan aos fidalgos de Tor nos costumes, crenzas e devocións, xa culinarias, xa relixiosas da alta sociedade galega do mellor solpor barroco.