Coco chocolateiro
- Título
- Coco chocolateiro
- Nº inventario
- 1474
- Situación
- Salón Norte
- Material
- Cortiza de coco/Prata
- Cronoloxía
- s. XVIII
- Dimensións
- 8,8 cm de alto/5,3 cm diámetro do pé/7 cm diámetro da boca
- Procedencia
- México? Guatemala?
- Descripción
-
Coco chocolateiro, feito en noz de coco tallada e montado nun soporte (pé, aro cinguidor superior e asas) de prata bruñida, de baixa lei. O pé, exvasado, leva dobre moldura decrecente con liña incisa á altura do colo, de acusado estrangulamento e de forma troncocónica; remata o pé en corola de catro grandes sépalos apuntados, alternados con outros tantos máis pequenos, para engarce da noz. Nesa plementería van gravadas as iniciais, con fileteado, D. R. L. V., acaso correspondentes aos propietarios. O anel de engarce da boca é liso, agás polos botóns de remache que o aseguran á superficie da cortiza. Nos laterais cadansúa asa en forma de serpe, aseguradas ao corpo da cunca por medio dun plemento oblongo cravado con botón de remache. As serpes semellan emplumadas. Van dispostas de xeito eseado e recordan á Quetzalcóatl dos aztecas. O soporte de prata carece de punzón e contraste nin presenta ningunha outra marca de prateiro, o que suxire a posibilidade de tratarse dunha manufactura, quizais seriada, para a súa exportación á metrópole dende Nova España, neste caso persoalizada a través daquelas iniciais. Estas, poderían revelar a función do obxecto como dote de voda. Ignoramos se o recipiente tivo tapa orixinalmente.
O coco chocolateiro do Pazo de Tor presenta similitudes con outros exemplares producidos en México e Guatemala, tamén en Venezuela, sobre todo pola presenza do aro de prata que cingue os labios. Os cocos chocolateiros foron signos de distinción social, empregados no cerimonial do consumo de chocolate propio das elites do Vicerreinato e tamén da Europa dos séculos XVII e XVIII, fenómeno revisitado nos bodegóns pintados coa presenza diferenciada de enxovais relacionados con aquel universo do chocolate, cocos chocolateiros incluídos. A súa presenza en Tor podemos explicala pola especial relación co Vicerreinato (Nova España e Perú) que mantivo a familia dende os tempos da conquista até practicamente hoxe.
Parte de Coco chocolateiro



