Metate
- Título
- Metate
- Nº inventario
- 1589
- Situación
- Solaina
- Material
- Pedra de gran/mármore
- Cronoloxía
- s. XVIII
- Procedencia
- O Incio?
- Descripción
-
Metate de pedra de gran coa súa man en mármore do Incio. Labrado nun só bloque, o metate consiste nunha pedra cadrilonga co seu plano de superficie cóncavo, barquiforme; vai apoiado en tres pés troncocónicos integrados no mesmo corpo, dous na parte dianteira e un, máis groso, coas arestas en chafrán, na traseira. Este pé protexía ao encargado de moer a semente de cacao da calor do braseiro que se colocaba debaixo do metate para facilitar o labor. A man, en forma de rolete de amasar, vai labrado nunha única peza de mármore veteado en tons azuis e grises, procedente das canteiras do Incio. De corpo cilíndrico, vai seccionado nos extremos para a disposición das asas de remate, de forma ovoidal. Sen dúbida, un muíño de cacao "á braza" para o consumo privado, non industrial.
A diferenza dos metates mesoamericanos, feitos en pedra volcánica ou mesmo en coral branco, o de Tor é de granito, de mármore do Incio a súa man, o que leva a pensar que ben puido ser construído na propia Galiza, consonte á incorporación definitiva dun consumo chocolateiro frecuente na dieta das elites fidalgas. Pazos como o de Raíndo e San Fiz, e tamén as grandes fundacións monásticas (caso do mosteiro de Corias, en Asturias, no que se documentou a adquisición dun destes muíños de man no 1737) contaban nas súas despensas con abundantes libras de semente de cacao ao longo da segunda metade do XVIII.
Metate é vocábulo que provén do náhuatl metlatl. Foi e segue a ser un utensilio de cociña empregado en diversas culturas de Mesoamérica dende tempos prehispánicos, acaído para moer millo, cacao… polo xeral para facer tortas, se ben tamén se empregaban para moer a terra e preparar o barro para faceren obxectos de cerámica.
A presenza neste pazo dunha outra man de mármore crebada das mesmas características e dimensións insiste no uso frecuente e de autoconsumo deste metate. O chocolate bebíase rebaixado en leite, azucrado, cunha boa dose de canela ou vainilla, servido en noces de coco e, xa no XIX, en xícaras ou cuncas de louza.
Parte de Metate





