UN BO PASTOR NENO DO ECUADOR?
- Título
- UN BO PASTOR NENO DO ECUADOR?
- Nº inventario
- 0703
- Situación
- Cuarto da Señora
- Material
- óleo/lenzo/madeira
- Cronoloxía
- ca. 1790-1800
- Dimensións
- 103 cm x 82 cm
- Procedencia
- Quito?
- Autor/a
- Manuel Samaniego?
- Descripción
-
Óleo co tema do Bo Pastor Neno: sentado ao pé dunha árbore que identificamos cunha Cinchona. Viste túnica vermella, sombreiro de palla de ala ancha que deixa ver as crenchas rizadas. Vai protexido cunha zalea, un chaleque de pel de ovella, curtido coa lá do animal á vista. Sostén coa dereita unha longa e fina cruz de madeira. Calza sandalias de tiras vermellas, de obvia significación. Acompañado por catro ovelliñas, símbolos sacrificais por excelencia. Ao fondo, unha paisaxe apenas esbozada. Marco en madeira dourada. Semella copia libre, un tanto naïf, do lenzo atribuído a Juan Sánchez Cotán (1560-1627) conservado no Museo do Mosteiro da Concepción, en Granada. No de Tor, o autor invertiu a pose do Neno e suprimiu os instrumentos da Paixón que figuran aos pés no orixinal, o que delataría o emprego dunha fonte gravada. É moi semellante a algúns producidos en Nova España, no Perú e Quito.
A raíz da obra de Murillo, afecta á temática infantil, proliferaron as representacións do Neno Xesús na metáfora bíblica do bo pastor que coida do rabaño. Tiveron grande éxito na sociedade sevillana do XVII pola súa eficacia devocional. Destinadas na súa maior parte ao culto privado, supoñemos que a obra de Tor sería producida nalgún obradoiro vicerreinal, pode que no Ecuador, a partir de gravados importados da metrópole baixo deseños de seguidores de Murillo coma Juan Simón Gutiérrez. Atribuímos con moita reserva o lenzo ao taller do pintor Manuel Samaniego Jaramillo (Quito, 1767-1824), tamén escultor, propalador naquelas terras do tema iconográfico de Divina Pastora. A pesar do debuxo seco, das liñas de contorno moi marcadas, da pincelada ruín ou de termos visto pinturas moi semellantes da escola cusqueña, o feito de levar a sinatura Samaniego no reverso do lenzo, e o emprego de flora propia do Ecuador (leitmotiv da obra do artista quiteño) -a árbore que acubilla ao Neno semella unha Cinchona- apuntan a unha obra non do autor mais si do seu taller.
- Medios
-
Neno bo pastor.JPG
Parte de UN BO PASTOR NENO DO ECUADOR?
