
Os pazos non deixaban de ser palacios. Quere dicirse que adoptaban os mesmos códigos de urbanidade practicados nas mansións das cidades. Entre os códigos máis cotifados, a demostración de teren viaxado e a querencia polo exótico foron lugares comúns materializados en pezas como as coirazas de tartaruga carei, da que temos unha parella no corredor do Pazo. O carei empregouse, así mesmo, en obxectos suntuarios e mesmo, pola súa característica cor encarnada, laminábase para decorar a face exterior das arquetas eucarísticas das grandes catedrais. Nas residencias aristocráticas foron célebres os “escritorios enconchados”, como se lles chama na documentación.
Eses bufetes suntuosos, “cubiertos de concha”, son en realidade as papeleiras de nogueira e lámina de ébano cos característicos embutidos de carei, óso, marfil e gornicións en bronce e folla de lata que aínda se conservan no Despacho e no Cuarto do Bispo. Amosamos o do Despacho pola proliferación de gabetas recubertas con aquelas láminas de cuncha de tartaruga carei en contrapunto cos embutidos de óso.
Menos habitual, diríase que extraordinaria, é a posesión de todo un enxoval de costura feito en óso de balea. Procedente do porto baleeiro de Nantucket, punto de partida literario de Moby Dick, sorprende que chegaran a Tor as agullas, punzóns, alfineteiros, dedaleiras que tallaban os mariñeiros embarcados.

LIBRO HISTORIA NATURAL

BARGUEÑO
De todos os xeitos, o interese antolladizo, manierista polas naturalia visíbel nas coirazas e papeleiras, que tan só pretendía explicar o mundo a partir do que resultaba máis extravagante aos ollos da Europa refinada, tornou ao longo do século das Luces nun outro interese máis científico, clasificatorio. Digamos que dos bestiarios alucinados dun Ulises Aldrovandi pasouse ás taxonomías que regularizaron o exótico. Síntoma dese cientifismo foi a obra do conde de Buffon. Matemático e naturista, George-Louis Lecrerc publicou o ano 1749 o primeiro volume dos treinta e seis da súa ambiciosa Histoire Naturelle, onde aspirou a compendiar, baixo premisas científicas, todo o saber do mundo natural. Na biblioteca do Pazo de Tor contades coa edición en vinte e un tomos da viúva de Ibarra, do ano 1802, cos gravados de José Antonio Ximeno e José Asen

