Iucas no xardín
Entre as especies exóxenas do xardín pacego, abrollan cabo da mazaira un par de iucas (Yucca schidigera), plantas tidas aquí por ornamentais mais de uso nutritivo e gastronómico en toda Mesoamérica, de onde proceden. Segundo os rexistros arqueolóxicos máis recentes, téñense atopado follas e sementes nas covas da Sierra de Tamaulipas, ao norleste de México. Son arbustos con tres ramificacións secundarias e terciarias, de follas en forma de espada, tallos con nós pronunciados, de raíces oblicuas, reservantes. O seu gran consumo explícase polo alto contido en carbohidratos como agradábel acompañante de peixes e carnes. Emprégase así mesmo na produción de fariñas, glucosa e alcool. Amais da orixe, interesa aquí a súa etimoloxía. O nome da raíz deriva do maia jook’’ka que quere dicir “desenterrar unha raíz para o metate”. Nada máis que engadir.