
A biblioteca do Pazo de Tor é rica en sorpresas que deixan ver a formación intelectual, os intereses, as afeccións e os gustos dos seus propietarios. Algúns exemplares remiten á grandilocuencia exercida, inda hoxe perenne, arredor da conquista do imperio mexica. Tamén hai pezas que explicitan presenzas vicerreinais da casa, moedas de economía extractiva como unha das derradeiras macuquinas cuñadas con prata do Potosí.
Sumptuoso, festivo Real Aparato, en que se explica su lealtad la ... Ciudad de Mexico ... en la aclamacion del ... Principe D. Philipo Quinto ... Rey de las Españas, Emperador de las Yndias ... : executada lunes 4 de Abril del año de 1701 / por D. Miguel de Cuebas, Dabalos, y Luna ... ; [escriviala Don Gabriel de Mendieta, Revollo ...].
O libro é, en realidade, a típica descrición laudatoria do aparato barroco montado con ocasión das celebracións levadas a cabo na capital do vicerreinato tras a chegada do primeiro borbón ao trono de España. Foi impreso en México, no prelo de Juan Joseph Guillena Carrascoso. Interésanos o vínculo directo da publicación coa liñaxe deste pazo, pois foi autorizada por don José Sarmiento Valladares, cabaleiro da Orde de Santiago, conde de Moctezuma… e Vicerrei, Gobernador e Capitán Xeneral da Nueva España, cuñado do noso don Francisco Garza Quiroga, señor de Tor. O frontispicio que amosamos tráenos as armas heráldicas da cidade de México outorgadas polo emperador Carlos V cando a conquista, iso si, matizadas coa inclusión de elementos propios (águias, nopais) indíxenas:
A torre donxonada no centro simboliza ao imperio mexica e cidade de Tenochtitlán. Os heraldistas españois escolleron un castelo pois descoñecían como era aquela cidade, ignoraban as pirámides escalonadas.
As aguias descenden da coroa imperial e os nopais flanquean a ponte… Tanto as aguias (máis tarde símbolo de identidade nacional mexicana) coma os nopais ilustraban a fundación de México-Tenochtitlán nalgúns códices novohispanos de frades historiadores.
As columnas de Hércules e o lema latino Plus Ultra non requiren aclaración.




Historia de Nueva-España escrita por su esclarecido conquistador Hernán Cortés aumentada con otros documentos y notas por el ilustrísimo señor Don Francisco Antonio Lorenzana, arzobispo de México
en México, en la Imprenta del Superior Gobierno del Br. D. Joseph Antonio de Hogas en la Calle de Tiburcio, 1770
Francisco Antonio de Lorenzana y Butrón, arcebispo de México entre 1766 e 1771 escribiu a Historia de Nueva España o ano 1770. Trátase da primeira edición colonial das Cartas de Relación de Hernán Cortés. O gravado da portada, do calcógrafo Manuel Villavicencio, é unha alegoría: A Nova España, personificada nunha muller nobre, arrodeada de armas e códices mexicas. No seu brazo esquerdo repousan os elementos da conquista: a espada e os símbolos da relixión católica (báculo, mitra…). No fondo, sobre unha cúpula, un soldado español triunfante cun pendón co lema Plus Ultra; atrás, apenas visíbel, o imperio mexica representado cun indíxena que apunta co seu arco cara o ceo. No primeiro plano, a aguia mexica resume a mensaxe da composición: carga nas costas co escudo da Nueva España, orlado cos artellos de nopal. Namentres, unha serpe fuxe da escena.
