Poucas tradicións están tan integradas na vida cultural española como a Lotaría Nacional. Máis alá do xogo e a esperanza de obter un premio, especialmente en datas tan sinaladas como o Nadal, os décimos de lotaría formaron parte da vida cotiá de xeracións. Cada un destes pequenos papeis foi depositario de ilusións persoais, pero tamén portador de mensaxes oficiais, imaxes simbólicas e discursos promovidos desde o Estado.

Co paso do tempo, os décimos deixaron de ser meros documentos efémeros para converterse en valiosas fontes de información. O seu deseño, as súas ilustracións, textos, etc., reflicten, con precisión, o contexto político, cultural e social no que foron emitidos. Desde conmemoracións de aniversarios históricos ata lembranzas de acontecementos deportivos, desde exaltacións patrióticas a referencias a obras de arte ou monumentos emblemáticos, os décimos de lotaría transformáronse en soportes de propaganda institucional ou de difusión cultural.

Cada réxime, cada goberno e cada etapa do país atopou na Lotaría Nacional unha plataforma para comunicar valores, celebrar identidades ou consolidar relatos oficiais. Neste sentido, os décimos funcionan como unha especie de hemeroteca que, ademais do azar, garda a pegada dos acontecementos e cambios na sociedade.

Pero, a pesar do carácter efémero dos décimos, moitos foron conservados ao longo do tempo, ben sexa polo seu valor sentimental ou por estar premiados. Así, naceu a Loterofilia, unha práctica coleccionista que permitiu preservar estes documentos únicos.

O Museo Provincial de Lugo (MPL) conserva unha colección de 505 décimos de lotaría, comprendidos entre os anos 1969 e 1977, un período crucial na historia contemporánea de España, marcada polo final da ditadura franquista, a transición e o inicio da democracia. A través das súas ilustracións, pódense rastrexar os temas, figuras e acontecementos que o poder quixo visibilizar. A inclusión desta colección no fondo do Departamento de Arqueoloxía/Historia do MPL responde ao recoñecemento do seu valor documental e patrimonial, desde onde se traballa pola súa conservación e difusión ao conxunto da sociedade.

< Previous page Next page >