Estudo e análise
Colección do Museo Provincial de Lugo
Cadros de Manuel Colmeiro no Museo Provincial de Lugo
O Museo Provincial de Lugo conserva cinco pinturas e un debuxo do pintor Manuel Colmeiro, un conxunto de obras que nos permite apreciar aspectos claves na evolución do seu traballo artístico e aproximarnos a temas e xéneros habituais e relevantes na súa produción.
Os óleos Maternidade e Vista de Lugo coa Muralla, pertencen a unha primeira etapa. Ambos están datados en 1934 e presentan algunhas características similares. A máis obvia ten que ver co uso contido da cor. Predominan os grises, pardos e ocres, que o pintor aplica con intención de rugosidade ou textura que confire un determinado aspecto a estas obras e ponas en relación coa denominada estética granítica, tamén presente na obra de Laxeiro ou de Arturo Souto.
Nestas dúas pinturas o autor mostra unha preocupación pola representación en si que desaparecerá en etapas posteriores. Aínda procura definir os rostros das figuras e inclúe detalles, ás veces anecdóticos, a fin de establecer maior correspondencia coa realidade, de aí certa rixidez na execución.
Obra 1
Maternidade
O tema da maternidade está moi presente ao longo da traxectoria de Colmeiro, pero abunda nos anos 30 e adoita ir asociado a sentimentos de nostalxia, tristeza e soidade. A miúdo son pinturas ou debuxos de mulleres que sosteñen a un bebé no colo, ás veces no momento de aleitalo, e noutras ocasións, como neste caso, de mulleres con nenos e nenas en espazos domésticos do ámbito rural que configuran escenas costumistas. Para este cadro, e segundo nos confirma a familia do pintor, as modelos foron a súa muller, Emilia, e as súas fillas, Alba e Elena.
Colmeiro representa á muller-nai que simboliza “a terra nai", protectora e con raíces profundas, e enxalza o seu significado como piar primordial da vida rural, onde alén de atender a casa e a crianza brega coas duras faenas do campo.
Obra 2
Vista de Lugo coa Muralla
O cadro Vista de Lugo coa Muralla é unha doazón feita no ano 2012 por Elena Colmeiro González (1932-2021), filla do pintor, que foi unha salientable escultora-ceramista que desenvolveu unha obra innovadora con interesantes achegas no ámbito artístico da cerámica.
Colmeiro elaborou varias obras sobre Lugo tras a súa viaxe a esta cidade con motivo da exposición da súa obra no Círculo das Artes no ano 1933. Nunha inscrición manuscrita no reverso deste lenzo, xunto á firma e a data, figura “Galicia”, pero non hai dúbida de que o lugar representado é Lugo, ben recoñecible polo tramo da muralla romana. Ademais, esta pintura correspóndese cun pequeno debuxo-bosquexo titulado xustamente Vista de Lugo coa Muralla que desde 2026, grazas á doazón feita pola familia do pintor, tamén forma parte da colección do museo.
Trátase dun cadro sinxelo, de certa inxenuidade, pero plasma particularidades significativas do lugar. Colmeiro elixe unha vista elevada, tomada mesmo desde o adarve da muralla, e selecciona un encadre con paisaxe natural e edificacións no que as montañas de ladeiras suaves e a muralla compiten en monumentalidade. O contraste entre a protección natural e a construída. As montañas que protexen, pero que tamén illan o territorio, e a muralla que salvagarda e contén a cidade. A vista tamén establece relación entre o mundo rural e o urbano. Un home cun carro de bois que transita solitario na rolda simboliza a importancia histórica da agricultura e a gandería en Lugo, piares fundamentais da súa identidade económica e social. Na fachada dunha das casas o pintor debuxou co pincel o rótulo “VIÑOS COMIDAS”, un detalle anecdótico, pero non tanto. Lembremos a importancia das casas de comidas en Lugo, establecementos tradicionais, tabernas e pousadas familiares fundamentais para atender viaxantes, feirantes e poboación local e ofrecer produtos de tempada e proximidade.
Para a entoación xeral do cadro e para representar os materiais, o pintor utiliza unha combinación de grises máis ou menos fríos ou cálidos, que van dos azulados do ceo e as montañas máis afastadas, no horizonte, aos que tenden a verdes ou pardos do resto de montañas, da propia muralla, das fachadas das casas e do chan da rolda.
O cadro Vista de Lugo coa Muralla é unha doazón feita no ano 2012 por Elena Colmeiro González (1932-2021), filla do pintor, que foi unha salientable escultora-ceramista que desenvolveu unha obra innovadora con interesantes achegas no ámbito artístico da cerámica. Colmeiro elaborou varias obras sobre Lugo tras a súa viaxe a esta cidade con motivo da exposición da súa obra no Círculo das Artes no ano 1933.
Obra 3
Vista de Lugo coa Muralla · debuxo
Este pequeno debuxo-bosquexo, incorporado á colección en 2026 grazas á doazón da familia Colmeiro, dialoga directamente co óleo de 1934 e reforza o interese do pintor pola paisaxe lucense e polo perfil da muralla romana.
A súa presenza no conxunto do museo permite comprender mellor o proceso de observación, síntese e reformulación pictórica do artista, e enlaza coa viaxe realizada a Lugo con motivo da exposición no Círculo das Artes no ano 1933.
Obra 4
A feira
Colmeiro pintou composicións moi similares para tratar escenas populares de mercados, feiras e romarías e incidir na importancia social e económica destas actividades, como lugares de encontro dos habitantes dunha comarca así como para o intercambio de produtos agrícolas, gandeiros e artesanais. É o caso do cadro A feira, que mostra un ambiente ao aire libre organizado en varios planos, con personaxes que compran e venden, pasean, conversan, comen e beben…
Unha pintura resolta con soltura na que as figuras son agora manchas de cor, apenas siluetas, persoas sen rostros definidos que evidencian a despreocupación polos detalles a favor das calidades cromáticas e compositivas. O pintor mantén o uso de grises, pero agora son máis limpos e matizados e conviven con verdes, azuis, carmines e ocres máis ou menos intensos e luminosos. Ademais, utiliza unha pincelada máis ampla e cando lle interesa fai uso da espátula para depositar e estender a materia.
Obra 5
Panadeiras
A muller ten moita importancia na obra de Colmeiro e as escenas de tarefas realizadas por mulleres, a miúdo en grupo, abundan nas súas pinturas e debuxos. Labores do campo, vendedoras en feiras e mercados, lavandeiras, panadeiras… Representou mulleres panadeiras en distintos momentos do proceso de elaboración e venda do pan, que é xusto a actividade que recolle esta pintura da colección do museo.
Son moitas as pinturas similares sobre o tema, tanto que parece facer unha versión dun mesmo cadro, algo que podemos observar tamén en paisaxes e noutras composicións do pintor. Unha práctica que indica o xeito de traballar dun artista que continuamente revisa e reformula a súa obra. Un autor que sente a necesidade de experimentar en plenitude o proceso pictórico e as transformacións, ás veces sutís, que se producen.
O pan é o outro protagonista desta obra. Colmeiro enxálzao como alimento fundamental, sustento popular, cotián, pero tamén polo valor cultural e evocador de recordos de infancia. Tanto é así que o pan chega a ser protagonista absoluto dalgúns bodegóns.
Obra 6
Paisaxe
A medida que avanza no tempo a obra de Colmeiro perde rixidez, tanto no tratamento das formas como no uso da materia, e evoluciona cara a unha maior plasticidade, intensidade lumínica e posta en valor da cor, calidades que acaban por determinar a universalidade da súa pintura. As súas paisaxes demóstrano en plenitude.
O pintor aborda o xénero desde varias vertentes. A paisaxe con figuras en cadros que tratan temas mitolóxicos, ou o que integra espidos femininos coma se formasen parte da propia natureza. A paisaxe de labranza, con campesiños e campesiñas, ou a paisaxe sen figuras, como é o caso do que forma parte da colección do museo, unha panorámica que potencia a expresividade da cor.
A interpretación da natureza xorde da vinculación profunda do pintor co territorio, da contemplación e o coñecemento das características intrínsecas da vexetación. A través do tratamento pictórico da cor, Colmeiro transmite sensacións que van do húmido ao árido e suxírenos condicións climáticas específicas e cambios estacionais.
Localización no museo
A maior parte destas obras poden contemplarse na sección de Arte Galega, na SALA 14 do museo, que está dedicada ás vangardas e o exilio e na que tamén se exhiben cadros de Castelao e Maruja Mallo.