
A colección de ourivería antiga exhibida no Museo Provincial de Lugo é unha das máis importantes do país tanto pola súa variedade tipolóxica e cronolóxica como pola calidade artística e técnica da execución. Tal como se reflicte nesta exposición virtual, moitas das súas pezas son absolutamente únicas e excepcionais incluso na protohistoria europea, mais son tamén un símbolo patrimonial e identitario do noso pasado.

A maior parte das xoias proceden da antiga colección de Álvaro Gil Varela, declarada Ben de Interese Cultural no ano 2015, a máxima protección outorgada pola Xunta de Galicia, mais o conxunto completo abrangue 56 pezas con mostras ourives áureas dende o III milenio a.C. ata o século VII d. C.
No ano 2014, materializábase un acordo plenario da Deputación de Lugo que culminou na adquisición da colección aos herdeiros de Gil Varela. Esta iniciativa tivo tamén un amplo respaldo mediático e social que a través de colectivos e persoas comprometidas coa permanencia deste senlleiro conxunto patrimonial en Galicia, apoiou e incentivou a súa exposición pública e gratuíta no Museo Provincial de Lugo.
Ao remate do contrato de adquisición, en 2018, non só se reformou completamente a sala do tesouro senón que se celebrou o Congreso Internacional de Arqueoloxía do Ouro, o primeiro realizado no século XXI en toda a península Ibérica, con especialistas internacionais que contextualizaron esta colección no ámbito da prehistoria europea, amosaron as últimas investigacións e avances no estudo do ouro e da ourivería e loubaron o traballo realizado no MPL materializado tamén na publicación dun libro-catálogo donde diversos autores poñíamos en valor esta sobranceira colección de ourivería antiga.
© ABG
› Cronoloxía
As pezas máis antigas están datadas no Calcolítico ou nos inicios da Idade do Bronce e as máis modernas en época suevovisigoda, polo que falamos dun espazo temporal que vai dende o III milenio a. C. ata o s. VI d. C. O discurso expositivo é fundamentalmente diacrónico.
› Técnica/tecnoloxía
Os metalúrxicos/ourives prehistóricos que fabricaron estas xoias desenvolvían técnicas complexas de elaboración, como o baleirado en molde e a fundición á cera perdida, e de decoración que logo se verán enriquecidas en época castrexa con achegas alóctonas coma o perfeccionamento da soldadura, ou a filigrana e o granulado.
› Estética/arte
O gusto polo adorno persoal está constatado dende o Paleolítico a través do uso de obxectos con formas e materias raras e/ou valiosas. No repertorio decorativo e ornamental desta colección priman os motivos xeométricos sobre os figurativos, tal como se constata en toda a ourivería prerromana do NO peninsular, agás os ornitomorfos ou "patiños" esquematizados dun torques desta colección.
› Tipoloxías
A variedade morfolóxica amosada nesta colección representa as principais tipoloxías da ourivería prerromana. Temos formas representativas da Idade do Bronce, como as láminas de tiras ou os brazaletes, e da cultura Castrexa, onde destacan os torques e as arracadas. Tamén se pode apreciar o cambio no gusto ou nas modas coas xoias tardoantigas de tradición xermánica ou en pezas claramente foráneas como o carneiro alado de Ribadeo.
› Simbolismo
As funcións destas xoias poden resumirse nunha soa finalidade: eran bens de prestixio. No eido espiritual, foron ofrendas rituais, depósitos votivos, distintivos de deuses ou parte de enxovais funerarios. No eido social, indicaban poder, riqueza e xerarquía. No eido económico, podían ser obxecto de intercambio, agasallo, investimento, acumulación de riqueza ou medida de valor antes da chegada da moeda.
› Contextos xeográficos


Todo este conxunto de xoias áureas, a maior parte macizas, expostas na Sala 8 do MPL, teñen unha orixe maiormente indíxena, aínda que con moitas achegas externas e cunha gran pervivencia temporal. Pero, ademais de xoias, son obxectos ou artefactos arqueolóxicos que nos proporcionan valiosa información en prol do coñecemento do noso patrimonio cultural.
© ABG
A ouro na mitoloxía e na tradición oral
Un percorrido por textos da literatura e da tradición galega nos que o ouro aparece vencellado a tesouros, encantos, mouros e seres da imaxinación popular.
Acceder
Realización: Departamento de Arqueoloxía do MPL, Negociado de Coleccións do MPL. | Coordinación: Dirección do MPL.